Plan de choque: Presentación

A reorientación da política da auga en España responde ao compromiso expresado polo Presidente do Goberno no seu discurso de investidura de actuar conforme á normativa europea nesta materia. Esta reorientación, que se materializa a través do Programa A.G.U.A. (Actuacións para a Xestión e Utilización da Auga), está presente tanto no Plan Nacional de Regadíos (PNR) coma no Plan Hidrolóxico Nacional (PHN). Deste modo, o PHN modificouse introducindo un conxunto de actuacións nas cuncas mediterráneas baseadas no aforro, a depuración, a reutilización e a desalgación, establecendo, simultaneamente, medidas para mellorar o control público no uso e na calidade da auga, así como para favorecer o cumprimento da normativa europea no que se refire tanto á sustentabilidade ambiental como á necesaria racionalidade económica da acción pública na xestión da auga.

Co PNR optouse, inicialmente, pola continuidade das obras emprendidas, cunha maior coordinación entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Ministerio de Medio Ambiente, competente na distribución en alta da auga, seleccionándose aqueles proxectos que presentaban un maior grado de sustentabilidade, tanto económica como social e ambiental.

Froito da experiencia acumulada durante este primeiro período, chegouse á conclusión de que o PNR precisaba unha profunda revisión, non tanto na alteración da lista de obras previstas como nos criterios de fixar as prioridades das mesmas, adaptándose a unha clara circunstancia de avaliación da utilización do recurso da auga. Este recurso, cada vez máis caro e escaso, víase afectado na súa utilización, máis alá dunhas condicións climáticas claramente desfavorábeis, por dous corpos legais que incidían claramente na política de regadíos, como son a Directiva Marco da Auga e o novo Texto Refundido da Lei de Augas. Xunto a eles, o sentir das comunidades de regantes, elementos claves na política de regadíos, aconsellaban tamén a citada revisión.

Os novos criterios pódense resumir en tres eixes principais:

O primeiro é a necesaria coordinación entre as Administracións implicadas na política da auga, e de aquí nace unha colaboración entre os Ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Medio Ambiente na que se poñen en común accións a emprender na distribución en alta xunto ás de distribución en baixa.

O segundo é o da eficiencia no consumo de auga, obtendo o máximo rendemento de producións á vez que se aforran porcentaxes de utilización de recursos hídricos moi elevados.

O terceiro eixe consiste en impulsar a innovación tecnolóxica, obrigando tanto ao control exhaustivo da auga empregada, como ao manexo automatizado das redes de rego por parte das comunidades de regantes.

Todo isto levou á revisión do PNR, materializada no Real Decreto 287/2006, do 10 de marzo, coñecido como Plan de Choque de Modernización de Regadíos, no que se establece unha prioridade das obras en función da súa sustentabilidade económica, social e medioambiental. En ningún caso, o investimento público previsto neste Plan, 2.049 millóns de €, será destinado a novos regadíos.

Ademais, por primeira vez na historia do regadío español, publícase o anexo correspondente para cada proxecto, xunto co investimento previsto, o aforro de auga que se pretende e que permitirá atender necesidades de abastecemento así como o resto de usos, incluídos os ambientais. Tamén, da lista de obras previstas despréndese tanto a utilización polo regadío provinte do reciclado de augas residuais de núcleos urbanos, como a posta en marcha de auga procedente da desalgación. Con isto abránguese unha ampla panoplia de posibilidades que permiten, simultaneamente, un aforro moi considerábel, en máis de 1.162 hm3, así como a mellora do potencial produtivo. Ademais, todos os agricultores que se beneficien do Plan comprométense a adoptar, a través dun rigoroso programa de vixilancia ambiental, medidas para reducir a contaminación.

Todos os axentes instrumentais da política de regadío mobilízanse para conseguir o fin proposto: TRAGSA, SEIASA, Sociedades Estatais da Auga e Confederacións Hidrográficas póñense cada unha dentro do seu campo de acción ao servizo deste proxecto. Por vez primeira tamén, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Ministerio de Medio Ambiente elaboraron un Real Decreto conxuntamente. Todo isto abre un novo horizonte de complementariedade, sinerxías e eficacias que non só vai redundar en beneficio dos regantes, senón tamén no conxunto da sociedade española, tan sensíbel ao recurso da auga.

Dª. Elena Espinosa Mangana
Ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación
Dª. Cristina Narbona Ruiz
Ministra de Medio Ambiente
Actuacións do Plan de Choque de Regadíos

Noticias