O regadío en España só supón preto do 13% da Superficie Agrícola Útil. Porén, do
regadío se obtén o 50% da produción final agraria. O valor bruto da produción por
hectárea de regadío equivale, como media, a algo máis de seis veces o valor da
secaño, existindo algunhas zonas nas que pode chegar a ser máis de 20 veces. Estas
cifras poñen de manifesto a importancia, en termos absolutos e relativos, dos
cultivos en regadío en España. Porén, non se pode perder de vista a esixencia e
sensibilidade do sector agrícola, no tocante ao consumo de auga, para conseguir
estes rendementos e unha elevada produtividade.
Por outra parte, atopámonos cunha situación de especial gravidade en canto a
dispoñibilidade de recursos hídricos que se viu acentuada polas escasas choivas
caídas nos últimos meses. O ano hidrolóxico 2004-2005 foi o máis seco desde que se
conta con información sobre precipitacións sistematizada en España. Ademais, os
catro primeiros meses do ano hidrolóxico 2005 - 2006 están manifestando un mantemento
das condicións de seca que afectan practicamente a máis do 80% do territorio nacional,
o que levou a que a reserva hídrica a mediados de xaneiro de 2006 se situase nos
14.340 Hm3. Esta situación supón unha diminución de preto de vinte puntos porcentuais
nos recursos dispoñíbeis sobre a media dos últimos dez anos, o que dá unha idea da
gravidade da situación e da súa repercusión potencial sobre o sector agrario.
Aínda que as precipitacións de primavera poidan significar unha mellora se se
modifica a negativa tendencia manifestada ao longo dos últimos meses, é practicamente
imposíbel que sexan tan abundantes como para recuperar o déficit acumulado e evitar
que durante o presente ano hidrolóxico se produzan graves insuficiencias para atender
ás próximas campañas de rego. Incluso se se mantén a tendencia a diminuír as achegas
respecto ao mínimo histórico da campaña 2004-2005, dificilmente se poderán evitar os
problemas nalgúns abastecementos a poboacións.
A conxunción destes dous factores (papel relevante do sector do regadío na produción final agraria e a actual seca) levou aos Ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Medio Ambiente a unir esforzos de cara a conseguir un importante aforro de auga e un uso máis eficiente do mesmo (mediante a modernización das instalacións de rego de menor eficiencia hídrica) que garanta a produción agraria e minimice os efectos da seca.