As Sociedades Estatais de Infraestruturas Agrarias son o principal instrumento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a realización das obras de modernización e consolidación de regadíos declaradas de Interese Xeral e incluídas no vixente Plan Nacional de Regadíos. Polo seu ámbito de actuación estas Sociedades divídense en SEIASA do Norte, que actúa nas Comunidades Autónomas de Asturias, Galiza, Cantabria, País Vasco e Castela e León; SEIASA do Nordeste, cuxos traballos se sitúan nas CCAA de A Rioxa, Cataluña, Aragón, Navarra e Illas Baleares; SEIASA da Meseta Sur, que abrangue nas súas actuacións as Comunidades de Estremadura, Castela-A Mancha, Madrid e Comunidade Valenciana, e SEIASA do Sur e Leste que ten como ámbito de actuación Andalucía, Murcia e Canarias.
Estas Sociedades, mediante a asistencia técnica e financeira á realización das obras de transformación dos regadíos tradicionais por outros sistemas automatizados de rego, perseguen o aforro no consumo de auga e o seu mellor uso, ademais da redución das tarefas agrícolas e a mellora dos rendementos da produción. Para levar a cabo estas actuacións de modernización e consolidación de infraestruturas, as SEIASAS actúan por medio de convenios coas Comunidades de Regantes e, segundo os casos, cos Gobernos rexionais dos seus respectivos ámbitos xeográficos. Cómpre sinalar neste sentido que desde xullo de 2004, coa chegada dos novos equipos de dirección, as SEIASAS realizaron un auténtico esforzo de información e integración como equipo de traballo coas Comunidades de Regantes, o que se traduciu nun aumento da incorporación destas Comunidades ao programa de modernización de regadíos.